05/01/2013

Malúa e o río Ghafos

Ala polos anos 60, preto do río Gafos (ghafos), na desembocadura, onde comeza o esteiro, no outro lado da ría, naceu Malúa, o protagonista desta historia. Un amigo del, que os malfalados lle chamaban Planeador, cando Malúa lle dicía que el nacera nese lugar, sempre se preguntaba por que tiña ese nome. O amigo chegou a crer que alí, na Puntada, se atopan puntas cando se producían as enchentes , as do Gafos eran sete o ano, as suficientes para que as brañas se mantiveran vivas e o millo se poidera esfolar con garantía. O das puntas podería asociarse cuns almaceńs de madeira , que había preto do muíño, onde o río se chama Campolongo, ou quizais da fábrica de madeira, ou de ataudes, preto da Ponte da Barca. Podería ser que cando estes almacéns arderon as puntas foran a parar ó esteiro.
O que si recorda Malúa e como un amigo seu un día chegou sangrando a cachón polo pé. Non sabe ben se foi unha punta ou se pisou unha “ghancha” do marisqueo, ou por que non, algún carbunco cabreado.

Aparte de puntas, tamén se atopaba algunha froita que viña polo río abaixo. Daquela era un manxar que , seguramamente, viña dos montes de Carballedo, ou mesmo de Monteporreiro, no caso do río Lérez, ou das fragas de Tomeza ou Figueirido no caso do río Gafos, ou porque non, dalgún barco que naufragara polas ondas que producían os carbuncos malignos que merodean a ría nos tempos de treboada. Eran tempos de fame ... E tamén tempos do “Hai que roelo”.

Nunha destas enchentes, na Moureira de Abaixo, onde o Gafos pasa a ser ría, ou onde algúns dos historiadores lle chaman a Ribeira dos Peiraos,  o noso protagonista, levou un susto de morte sen enterarse. A súa nai que andaba ó marisqueo nunha pequena “ghamela”, non puido controlar a forza das enchentes e da marea e volcou. Con ela estaban todos os irmáns de Malúa. Aínda hoxe contan os da contorna que foi un miragre que non morrera ningún, pois todos eran pequenos, agás Malúa, que aínda estaba morno na barriga.
Contan que os pequenos flotaban e que ela conseguíu empuxalos ata a beira do río que nace na Xesteira, xunto con outra man que aínda hoxe non se sabe ben de quen era. Se cadra, sería de Leucociña, a serea que dorme en Tambo, e que vixía o esteiro da ría. Ás veces ela achégase ata o pego onde o río se chama de Tomeza , coñecido pola Poza da Moura, ó pé das Brañas de Salcedo, onda o Mar da Presa, encalco do muíño de Cabanas. Ela aprendeu de Balea Varada a levar ós náufragos ata as zonas secas ou tranquilas.

Este feito marcaría o destino de Malúa, xa que dende que llelo contaron , sempre quixo saber de quen era esa man que lle salvou a vida a el e a súa familia. Algúns do lugar falaban dun home que vivía no río, que nadaba como unha troita, e que as veces baixaba ata a ría o día das enchentes porque precisaba de auga salgadas.

Unha das cousas que máis lle gustaba ver a Malúa, era o movemento que había no outro lado da ría. Un feixe de barcas entraban e saían do Gafos, outros atracaban nos peiraos da Moureira. E cando había mareas vivas era todo un espectáculo ver os arroases achegarse ata preto da Ponte da Barca. Contan que algún dos pequenos quixo seguir o roteiro da serea e quedou a xogar coas lavandeiras do lugar, preto do Muíño do Peilán. Elas contáronlle do pouco caudal do río cando había secas. Os homes, axiña se preparaban nas  barcas, todas valían, xeiteiras, pirlos, gamelas, e incluso algunha dorna das que viñan de Marín, e as veces facían "As touradas do mar",  dos arroases aproveitábase todo, incluso a graxa para facer aceites. Eran tempos de fame e de lámpadas de carburo.

Un dos personaxes desta Moureira de Abaixo, era o ben querido Sr. Pla, un home que se dedicaba no verán a cruzar a xente dun lado a outro da ría, para ir as praias dos arredores, a da Puntada e a de Lourido. Moito gustaba de cruzar ás mozas. Tiña un ollo medio tapado pero con "boa vista". De cando en vez ía á Casa Rache, ou a de Digna, a xogar a partida, e descansar do moito rebumbio que sempre había por aquela zona.
Cando o Sr. Pla non estaba, Malúa e os seus irmáns intentaban gañar unha peseta ou un pataco, ou como lle chamaban outros "un can" (xa chegaba para mercar un caramelo), facendo o mesmo coa “ghamela” dos pais. Unha odisea cando había corrientes. Ás veces tiñan que axudar a remar os turistas pois Malúa aínda era moi pequeno, non cumplira os oito anos e non sabía moito das enchentes e da forza das mareas.

Outra forma de gañar o carto era collendo miñoca para os pescadores nas secas que ás veces utilizaban os mariñeiros para facer as entalladas. Había dabondo. Máis, non seu se hoxe Poseidón estará tranquilo coa limpeza das augas  da ría.

Pasaron os anos e Malúa pasou a vivir preto do río onde se chama  Menexo. Preto de alí, na zona "Entre ríos",  cando pasaba atopaba sempre , nunca mellor dito, o que algúns chamarían esterqueira,  con lavadoras, roupa, zapatos, rodas... Todo un museo do lixo.

Onde estaban as árbores da froita que chegaba ata a ría? Non podía ser este un dos ríos que mantiña o estuario onde medraban caramuxos, ameixas, camaróns, sollas, berberechos ... O cambio de casa fora unha boa nova, pero a esterqueira recordáballe ó vello Borrón, onde os que vivian nos burgos ou arrabais da cidade, ían buscar xoguetes e todo o que se prestara . A cinta illante era un dos tesouros dos rapaces  entre tanto lixo.

Este “reghato” cheo de gaivotas, corvos e ratas era unha porcallada. Como se pode ser tan desleixado? Dalí a pouco, escoitou que había un grupo de xente, unha asociación, que estaba preocupado polo río. Madia leva! As cousas poderían mudar. El tamén quería poñer o seu grao de area. Como facer?

O mellor era concienciar ás persoas. Entre todos é máis fácil de facelo. Hai que entrar nas escolas , falar cos mestres, elaborar materiais para traballar, falar dos ríos, da auga, da nosa historia, Pontevedra naceu e medrou arredor da auga, da sardiña, das pontes... As gañas eran tremendas. Co tempo estes rapaces traballarían tamén para coidar a súa casa, a casa de todos, os nosos ríos, fonte de vida.
Malúa púxo mans á obra. Preocupouse polo nome das árbores, das prantas, dos paxaros, dos animais; da importancia dos ecosistemas, xa todos os temas do medio ambiente lle foron interesando. Nunca tiraba nada ó chan. Ás veces recollía o lixo de outros para que o viran e tomaran conciencia. Reciclaba o que podía e sabía. Participaba en todos os eventos relacionados . Estábase preparando para buscar a "ialma" do río que un día lle salvou a vida. Quería percorrelo todo dende a ría ata o Mato da Xesteira. Preguntaríalle as xentes do lugar. Trataría de calmar a furia de Poseidón.

Con esas arelas quixo coñecelo todo, sabía por outros que había un sendeiro por onde poder pasealo. Quedou impresionado de tanta marabilla preto da cidade, das súas carballeiras, dos soutos, das fragas, das brañas, dos tordos, dos xiríns, do paporroibos, das enchentes, dos bidueiros, das sementes dos ameneiros amigas no inverno do lúgano, das troitas que xogaban nos remansos, de non ver moreas de elucaliptos , dos poemas, do Mar da Presa, das pontes e pontellas, do muiño de Cabanas, do seu burato do inferno, da canle, da moa e o pé da moa, do señor Ramón, de Gonzalo, e o de outros moitos que están a facer deste río un verdadeiro conto para que todos o poidan desfrutar.

El tiña que axudar a que outros souberan do tesouro, non o de Benito Soto, que daba vida a moitas zonas da contorna , e así o está a facer, e cando chegue ós lugares segredos onde inverna Leucociña contarállelo a todos aqueles que amen e respecten o zume da nosas vidas. Que espera que sexan moitos.

Dedicado a Asociación Vaipolorío.

Milprimaveras

Sem comentários:

Enviar um comentário